18 de Out de 2008

O BNG DE ANTAS TEN NOVA DIRECCIÓN

http://www.bng-galiza.org/antasdeulla

1 de Out de 2008

O BNG DE ANTAS PIDE A LIMPEZA DOS SOLARES



Solicitamos que se faga un seguimento e que se adopten as medidas oportunas para que se manteñan os solares limpos



1. Que o Concello, logo da realización dun estudo do estado de fincas e solares da vila, envíe unha comunicación aos propietarios dos solares e fincas de Antas en deficiente estado de conservación para que procedan ao seu desbroce inmediato.


2. De non surtir efecto estas medidas o Concello debe proceder ao desbroce cargando os custes aos propietarios correspondentes.

25 de Set de 2008

O BNG DE ANTAS SOLICITA PUBLICIDADE NAS CONVOCATORIAS MUNICIPAIS






Os nacionalistas de Antas pedimos a redacción dunha ordenanza do Servizo de Axuda no Fogar na que se recolla a transparencia nas contratacións





O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla solicitou durante a celebración do Pleno Ordinario de hoxe que se debata a redacción dunha ordenanza municipal do Servizo de Axuda no Fogar debido ás modificacións que conleva este servizo pola aplicación da Lei de Dependencia, de maneira que se optimicen os recursos, se involucre ás familias e se aprobe un baremo de contratación que evite “as contratacións a dedo”.

Con respecto á modificación do proxecto de Centro Sostible de Ecoloxía Aplicada consideramos que responde “á improvisación” pois hai que facer modificacións cando aínda non se empezou, “estase a realizar outro cambalache coa contratación a unha empresa de diversos traballos en contra dos informes da intervención por non reunir os requisitos legais da oferta previa a tres empresas”.



Pedimos, así mesmo, que se manteñan os investimentos previstos no saneamento de Dorra e Senande e que se redacte un Plan para dotar a todas as parroquias de traída de auga e saneamento e así evitar que haxa cidadáns de primeira e de segunda. Pensamos que “é necesaria unha actuación conxunta de todos os grupos políticos para dotar de servizos básicos as todas as parroquias”.




Imaxe da finca de Frádegas



Imaxe do acceso á finca de Frádegas

5 de Set de 2008

O BNG DE ANTAS PIDE UN PLAN DE SANEAMENTO E TRAÍDA DE AUGAS PARA TODAS AS PARROQUIAS


Consideramos que é necesario un acordo unánime do Pleno para elaborar un Plan Cuadrienal dun custe de 4,5 millóns de euros

O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla presentou unha moción na que solicitamos a dotación de servizos básicos de saneamento e traída de augas para todas as parroquias do Concello xa que na actualidade a maioría das parroquias de Antas aínda están sen estes servizos básicos que posibilitarían que os cidadáns afectados (preto de 1.500 persoas) non se sentiran discriminados.


O Pleno debería aprobar “a creación dunha comisión, na que estean representados todos os grupos políticos, que se encargará do estudo e elaboración dun Plan Cuadrienal para programar estes investimentos”.


Os grupos municipais temos a obriga de traballar todos xuntos na procura da mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, deixando de lado os intereses partidistas en asuntos tan importantes como son a dotación dos servizos básicos.


Por iso é necesario solicitar da Consellería de Medio Ambiente as partidas orzamentarias necesarias para a dotación destes servizos básicos”.



Unha vez rematadas as obras de saneamento e traída de auga en execución (Dorra-Senande, Cervela,..etc), as demais administracións terán que colaborar tamén técnica e orzamentariamente, pois non podemos seguir eternamente esperando por saneamentos e traídas de augas cando hai plans das distintas administracións aprobados para facelos e normativas europeas que cumprir.


Polo tanto propoñemos un acordo unánime do Pleno que co apoio da veciñanza teña a forza necesaria ante a Administración Autonómica e así lograr estes investimentos.

..

FOTO: Tanque de auga de Verín

25 de Ago de 2008

O BNG DE ANTAS SOLICITA QUE SE MANTEÑAN OS INVESTIMENTOS PREVISTOS POLO CONCELLO PARA O SANEAMENTO DE DORRA E SENANDE


O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla vén de presentar un ROGO para que o goberno municipal non desvíe os investimentos con cargo ao POS/08 e se destinen, como estaba previsto, ao saneamento das parroquias de Dorra e Senande. Así mesmo, demanda que as obras se axusten ao proxecto global que está facendo a Consellería de Medio Rural.


O BNG é coñecedor da urxente necesidade de dotar ás parroquias de Dorra e Senande dos servizos básicos de traída de augas e saneamento, por iso xa presentamos unha moción que foi debatida no pleno do 31 de marzo. A pesar de non obter o acordo unánime da Corporación, pero coa forza que dan máis de 150 sinaturas, solicitamos da Consellería de Medio Rural apoio para a realización dun proxecto global e dotar ás referidas parroquias de TRAÍDA DE AUGA e SANEAMENTO”.


Na actualidade a Consellería dirixida por Suárez Canal ten contratada unha empresa externa realizando este proxecto. Así mesmo, e a maiores deste financiamento para o estudio técnico (que xa estará próxima a súa presentación), e con cargo aos orzamentos do 2008 investirá na obra sobre 175.000 euros.


Pola súa parte, o Concello de Antas, propuxo incluír no Plan POS/08 da Deputación Provincial dous investimentos para a obra de saneamento de Dorra e Senande (58.000 euros no plan principal e 55.000 euros no complementario), segundo consta na resolución da alcaldía do día 07/03/2008.


Estes investimentos previstos suporán, polo tanto, un gran impulso á obra e así conseguir que os veciños e veciñas destas parroquias poidan usar estes servizos o máis rápido posible.

31 de Jul de 2008

O BNG DE ANTAS SOLICITA AO CONCELLO QUE SOLUCIONE AS DEFICIENCIAS DA TRAÍDA DE AUGA


No Pleno ordinario de hoxe o Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla presentou unha moción de urxencia na que esixe ao Goberno Municipal que solicite axuda á Consellería de Medio Ambiente para solucionar os problemas que presenta a traída de auga da vila de Antas. O portavoz do BNG, Xabier Doval asegurou que “houbo veciños que só se puideron duchar 5 días durante o mes de xullo, e isto é un problema que os concelleiros do PP non ven urxente”

Os nacionalistas tamén se interesaron polo estado das pistas e, nunha moción, pediron que se fixera un Plan de mellora e mantemento das pistas municipais que se atopan nun estado deplorable. Lamentablemente o Goberno do PP non o considerou necesario e deu “a calada por resposta”.

Por outro lado, os Concelleiros do BNG conseguiron que se estude, no Pleno de novembro próximo, a creación dunha Comisión-Patronato que se ocupe de impulsar e axudar as distintas comisións organizadoras de festas patronais así como a adquisición do mobiliario necesario que permita a organización de festas e eventos sen necesidade de recorrer ao aluguer dos mesmos e o fomento da participación dos grupos musicais do pobo.

Así mesmo, o BNG requiriu do Concello para que proceda á limpeza dos contedores de lixo para dar unha boa imaxe do pobo e así evitar malos olores.

Xabier Doval Otero asegurou que “non se respondeu a ningunha das preguntas que formulou o BNG durante o Pleno referidas: á Instalación duns invernadoiros nunha finca de Frádegas propiedade municipal, ao endebedamento actual do Concello e ao funcionamento da rede de saneamento da rúa Santa Mariña en Antas”.

29 de Jul de 2008

O CONCELLO NON QUERE DEBATER AS MOCIÓNS DO BNG DE ANTAS

O BNG de Antas de Ulla presentou tres mocións para ser debatidas no Pleno Ordinario de Xullo e o goberno municipal do PP non as tivo en conta á hora de redactar a orde do día, que sí inclúe asuntos de trámite.

Denunciamos, polo tanto, unha actitude de desidia e ninguneo da oposición do BNG que presenta alternativas para mellorar as condicións de vida dos cidadáns de Antas. Por iso pedimos debater as seguintes mocións xa presentadas:


1. Solicitamos que o equipo de goberno elabore un proxecto para a apertura do CEIP de Antas de Ulla fóra do horario lectivo e de acordo coa orde da Consellería de Educación do día 11 de xuño se definan as actuacións encamiñadas a que os nenos e nenas de Antas de Ulla dispoñan de actividades culturais, educativas, deportivas ou sociais.

2. Que o Pleno aprobe un Plan de Mellora e Coidado das pistas municipais do Concello de Antas.


3. Pedimos do Goberno Municipal a creación dunha Comisión-Patronato que se ocupe de impulsar e axudar ás distintas comisións organizadoras das festas patronais de todas as parroquias de Antas. Así como a adquisición por parte do Concello do mobiliario necesario que permita ao Concello e ás distintas comisións, a organización de festas e eventos sen necesidade de recorrer ao aluguer dos mesmos, como acontece na festa de fin de ano” e que se fomente a participación dos grupos do pobo (Gaiteiros , banda,… ) nos eventos – festas que se celebren en Antas.

16 de Jul de 2008

O BNG DE ANTAS SOLICITA AO CONCELLO A CREACIÓN DUN PATRONATO PARA ORGANIZAR EVENTOS FESTIVOS

O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla vén de presentar unha moción na que solicita do Goberno Municipal a

1. creación dunha Comisión-Patronato que se ocupe de impulsar e axudar ás distintas comisións organizadoras das festas patronais de todas as parroquias de Antas”.

2. adquisición por parte do Concello do mobiliario necesario que permita ao Concello e ás distintas comisións, a organización de festas e eventos sen necesidade de recorrer ao aluguer dos mesmos, como acontece na festa de fin de ano” e así evitar gastos innecesarios.

3. E que se fomente a participación dos grupos do pobo (Gaiteiros , banda,… ) nos eventos – festas que se celebren en Antas de Ulla.

Se queremos que Antas de Ulla “sexa o espello no que se miren o resto dos concellos” teremos que empezar por evitar que sexa a excepción provincial neste asunto.

Non podemos abandonar a responsabilidade da organización de tan importantes eventos ao voluntarismo de cidadáns anónimos de Antas cheos de boas intencións e escasos de medios e iniciativas.

Esta é unha responsabilidade municipal e o equipo de goberno debe poñerse a traballar na organización das festas patronais e apoiar con subvencións e recursos ás parroquias para que poidan ter unhas festas dignas que traian a Antas moitos visitantes.

15 de Jul de 2008

Cultura Vai Verán en Antas de Ulla

Música, maxia, teatro, monicreques, humor, circo, danza, animación de rúa... O programa Cultura Vai Verán da Consellaría de Cultura levará entre xullo e setembro 281 actuacións a 134 concellos.
No noso concello, están previstas tres actuacións nos meses de Xullo e Agosto, as tres ás 20.00h.

19/07/2008 Cucho, Coco e o dilema do 6. Ainternacional
01/08/2008 Sete - Sete. Teatrotempo
29/08/2008 Ollos máxicos. Mago Vituco



1 de Jul de 2008

O BNG DE ANTAS DENUNCIA O ESTADO DE ABANDONO DAS PISTAS


O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla solicita que o equipo de goberno mellore o estado das pistas municipais que presentan graves deficiencias e impiden o seu uso por parte da cidadanía debido a unha deficiente conservación e mantemento.


Unha das pistas que poden ilustrar o descoido municipal no seu mantemento é a que leva ao Farelo desde A Somoza que está totalmente intransitábel.


A pesar dos requirimentos do BNG, as pistas seguen con buratos e a maleza invádeas. “Isto impediu o paso do autobús escolar durante unha visita ao Parque Eólico do Farelo”.


Non se pode estar continuamente buscando escusas como está a facer o goberno do PP.

“Lugares como o Seixo ou o acceso aos petróglifos tamén se ven afectados por esta manifesta desidia e abandono das responsabilidades municipais referidas ao mantemento adecuado da rede viaria municipal”.