16 de Dez de 2007

A ESTE CONCELLO FÁLTALLE DINAMISMO


Cando dende o BNG de Antas me pediron se podía facer un artigo para este voceiro o primeiro no que pensei foi en que a este concello fáltalle “dinamismo”, pois dende que alá polos 90 comezara a facerse insostible o sistema de pequenas explotacións agrarias, que eran a base da nosa economía, apenas xurdiron novas iniciativas económicas: mantéñense os mesmos negocios na vila e a maioría das aldeas sobreviven grazas aos pensionistas que aínda se poden valer por si mesmos e as poucas explotacións gandeiras, que conseguiron facer fronte á devastadora aplicación das políticas agrarias comunitarias.
Sendo como somos un concello agradable para vivir, cunha longa historia, ben situado, con moitos recursos naturais, e que recibe ademais fondos da Comunidade Europea, supostamente dedicados ao desenvolvemento rural, deberíamos de ter aproveitado todo ese potencial para por en marcha novas alternativas para seguir facendo produtivas as nosas terras e a creación de pequenas industrias, que nos permitan subir ao carro do progreso.
Creo que é imprescindible que dende o concello, os nosos representantes políticos, que ao fin e ao cabo son os que teñen as mellores armas ao seu alcance, se volcaran en promover iniciativas, informarse e informar das axudas (que as hai) ás iniciativas de emprego e desenvolvemento rural, presentar proxectos, para o noso concello, que poidan ser financiados dende a Administración Autonómica, e sobre todo, administrando a nosa economía de xeito responsable e con visión de futuro. Antas ten que ser capaz non só de mellorar os servizos que aínda conservamos, senón tamén de crear outros novos, de xeito que o noso concello adquira o dinamismo necesario para mirar ao futuro con optimismo.
E, como non, é fundamental que aprobe dunha vez por todas un Plan Urbanístico respectuoso co noso entorno e as nosas necesidades, que se poña en marcha o parque empresarial, que se dote de servizos adecuados ás aldeas, que se potencie a nosa oferta turística,..etc.
Está no meu ánimo que isto sexa unha crítica construtiva, xa que un pobo non se pode manter indefinidamente na mesma situación, ou ben se bota a andar e avanza ou a perda económica, de poboación e polo tanto de peso social é inevitable.


María Gontá Castiñeira é natural de Barreiro. (Enxeñeira Técnica Naval)

0 comentarios: