26 de Fev de 2007

HAI 8 ANOS ...


Xa vai para 8 anos que naceu o BNG en Antas de Ulla. Eu era un rapaz que acaba de rematar a carreira e con moitas ilusións e gañas de traballar polo meu concello. Tiña a seguridade persoal e a valentía social de afrontar con total solvencia a xestión do Concello. Así é todo, a miña pretensión era a de crear e consolidar un proxecto político a medio prazo, ir constituíndo unha base social que garantise un cambio político no municipio. A verdade é que de cando se empezou a como se está agora algo cambiou. Hai que dicir, a este respecto, que o medre do Bloque durante estes anos en Antas, e así o din os datos oficiais, foi máis que espectacular.

Os eixes centrais da miña actuación como Portavoz na vida política municipal foron, sempre, a responsabilidade e compromiso cos veciños. A responsabilidade de atender, en todo momento, ás actuacións da Alcaldía. O compromiso en levar adiante iniciativas na defensa dos intereses de todos os veciños. E así se fixo, cos medios e recursos que se dispuxeron. De feito, os asuntos políticos de Antas nunca tanto saíran nos medios de comunicación como saíu durante este período.

Espero que coa presenza do BNG durante estes anos se conseguisen maiores cotas de benestar para os veciños e, a súa vez, axudara a crear unha nova cultura política. Espero que axudase a ver unha nova forma de facer política sustentada no diálogo e na necesidade da participación social. En definitiva, unha política entendida como un instrumento de convivencia e de civismo.

Para rematar esta carta, pido desculpas por todos aqueles erros que puiden cometer. Pero ante todo, o que quero, é agradecer a todas aquelas persoas que participaron e confiaron en min para liderar este proxecto. Desexo que ao próximo goberno non lle falte imaxinación no seu traballo e manteña viva a ilusión de acadar unha sociedade máis xusta.
Luís García García

22 de Fev de 2007

CARTA ABERTA AO ALCALDE DE ANTAS

Sr. Alcalde,
Acaso pensas que somos parvos? Despois de 4 anos sen facer absolutamente nada, pensas que agora, 4 meses antes das eleccións, o vas amañar todo a base de mercar fincas. Iso é o único que se che ocorre para arranxar a situación do noso concello? O teu único aporte aos nosos problemas son dúas fincas novas?
Os veciños de Antas perden a confianza no seu pobo e están a marchar, nun continuo goteo cara os concellos do lado. Non emigran a Canarias ou a Suíza. Van traballar a menos de 20 minutos de Antas, e mercan piso noutro concello; porque, para que quedarnos en Antas? O único que atopan co teu goberno, son atrancos. Se alguén depende de que lle firmes un papel para facer algo, aviado vai! Termina antes o trámite en Palas, Monterroso, Agolada, Rodeiro ou Taboada.
E agora, volves coa teima das fincas! Como non hai urbanismo co que especular, só che quedan as fincas, non? Será por iso? Porque esta teima non é nova.
Hai 8 anos, tamén antes das eleccións, mercácheslle a un amigo, a finca detrás da gasolineira para facer, dicías, pisos de protección oficial. Hoxe xa vemos o que fixeches alí. Hai 5 ou 6 anos mercaches Barbalde. Antes das eleccións do 2003 ía ser para facer un gran centro recreativo, referente galego ... Hoxe xa sabemos, que inda por riba, o mercaches mal. Agora o concello terá que negociar cos propietarios, se cadra ir a xuízo, e finalmente terá que pagar máis cartos pola túa ineptitude.
E este ano, que volve haber eleccións, mercas dúas fincas! Será que tes medo de perder e pensas que cunha sola non che vai chegar?
Pero vamos a ver, a quen queres enganar? Prometes un polígono industrial, e resulta que o que andas a facer é mercarlle a finca a outro amigo. Por que non explicas cómo vas financiar o polígono? Cómo vas levar ata alá a traída de augas, a luz, e os demais servizos que un polígono necesita? Como vas atraer novas empresas?. Eu non estou en contra do polígono, ao contrario, pero estando ti polo medio, dáme no corpo que vai ser outro criadeiro de silvas.
O estudo do SITGA que recoñece Nugallás como centro xeográfico de Galiza é do 2004. Dende aquela, que fixeches para promover o noso concello? Mellor mercar a finca que poñer carteis anunciando Antas en toda as estradas, claro! Por certo, viches algún cartel que poña Antas na N-640?
O concello de Antas, Javier, non necesita fincas. Por desgraza, e pola túa pésima xestión, hai moitas abandonadas. Antas necesita que recuperemos a confianza en nós mesmos. Necesita que a xente quede a vivir aquí, e para iso precisa que o concello proporcione servizos a toda as aldeas. Servizos de calidade, e non as chapuzas que andades a facer, ti e os teus amigos. Precisa unha reforma urxente do centro médico, e outra do colexio. Precisa un plan de urbanismo, para que os veciños poidamos arranxar as casas ou construír novas. Antas é un lugar marabilloso para vivir, pero o que non precisa é que aos veciños lles poñan atrancos! A que non necesitamos é a ti!

Martín Díaz Mariño

18 de Fev de 2007

CARTA DE JAVIER DOVAL OTERO


Estimados veciños :

Confésovos que dende que xurdiu a posibilidade de que eu encabezase a candidatura do Bloque Nacionalista Galego en Antas nas vindeiras eleccións municipais do mes de Maio, conviven en min dous sentimentos contraditorios : Un de tristura ao ver a situación na que se atopa o meu Concello e outro de alegría optimista vendo que somos moitos os que cremos nos recursos e potencialidades de Antas.

Dóeme moito , e supoño que non é a min só , que Antas de Ulla apareza nos xornais por ser un Concello pobre , ou máis grave aínda , polos informes do Consello de Contas de Galiza (órgano supostamente fiscalizador da actividade municipal ) . Pois si veciños , estes foron os titulares que o noso concello lles roubou aos concellos limítrofes .

Ben que nos gustaría , que aínda que fose nun recunchiño pequeno do xornal , aparecese Antas de Ulla, por inaugurar un matadoiro de coellos , unha fábrica de portas, un PAC para os servizos médicos , un cuartel da Garda Civil, etc. Pero non, non é así ... Rodeiro, Agolada, Monterroso, Taboada ou Palas si foron quen de aproveitar estas oportunidades. E Nós? Cando nos toca ? Que está pasando ?

Claro , se facemos un sincero exercicio de autocrítica podemos empezar a encontrar as causas desta situación, as causas do por qué o noso pobo non inspira confianza aos inversores de fóra. Non temos PXOM, e daquela non podemos ofrecer terreos para que se instalen estas empresas, nin sequera conseguimos que os nosos empresarios se poidan quedar entre nós cos seus investimentos . O Concello tampouco lles garante uns servizos óptimos
Sen industriais e cuns ruíns servizos de auga, lixo e saneamentos, malia aos investimentos que se fixeron e que foron varios. Pero en que se meten os cartos?. Coas mesmas pistas de hai vinte anos pero peor coidadas.... E con este panorama a xente vaise, sobre todo os mais novos , e con eles vaise unha demanda de vivenda, vaise unha necesidade de Escola para os fillos ,vaise un consumo do día a día, uns aforriños... Vaise a nosa principal fonte de riqueza, a nosa xente !.
Temos, estimados veciños , que ser sinceros, non enganarnos a nós mesmos... Xa que da mesma maneira que como veciños de Antas nos sentimos orgullosos no seu momento de ser os primeiros en inaugurar un Grupo Escolar , unha piscina , un campo de fútbol, empezábamos a ter pistas... Hoxe non podemos sentir o mesmo. Temos, entre todos, que cambiar as cousas para volver a sentir o mesmo orgullo que daquela .

Un concello como o noso, no que confiamos, ten que mirar para adiante.. Ten que ver un futuro optimista, baseado nas iniciativas dos cidadáns , na boa xestión dos seus recursos e tamén no apoio que agora a Xunta de Galiza sí lles dá aos Concellos do rural .

E para levantar Antas témolo que facer entre TODAS e TODOS con traballo e moita xenerosidade . O equipo do BNG que está a traballar por Antas, pensa que quen mellor coñece as necesidades do Concello somos Nós mesmos. E Por iso queremos falar cos veciños, cos industriais ( motores da nosa economía) e tamén cos profesionais que tan boa labor están a desenvolver no noso Concello (servizos médicos, correos, veterinarios, mestres, etc.. )
Todo o equipo sentimos a obriga de escoitarvos , tarefa que comezaremos nos vindeiros días . E con este traballo feito , recollidas as vosas opinións , iremos falar cos membros da Xunta de Galiza para recadar os apoios que se precisen para levar a cabo o programa de todos. Unha nova Antas é posíbel.
Para rematar veciños dicirvos que no noso proxecto para Antas de Ulla , todos os veciños son igual de importantes.
Recibide un afectuoso saúdo


Asdo.:Javier Doval Otero