30 de Mar de 2007

NA PROCURA DO PATRIMONIO


Hai un par de meses máis ou menos fixen, conxuntamente cun bo amigo, un curto percorrido por parte do municipio de Antas. Ambos gustamos dos enredos que fixeron os nosos antergos no país e díxenlle que tiña que vir por aquí, pois tiñamos cousas ben curiosas e interesantes. O certo é que axiña se nos botou a noite enriba, como decote pasa nos días de inverno e foi máis o que quedou por ver que o visto, máis dende logo repetiremos a experiencia, ou niso quedamos, para completar a procura. Funo buscar a súa casa, entre os Concellos de Portomarín e Guntín, moi preto dalí está o Mosteiro de Ferreira de Pallares, e como non, fomos até aló cruzando a vella Ponte Cabalar. Logo tomamos camiño para Antas. Antes de xantar fumos a Amarante e a San Martiño do Carrasco. Degrazadamente a visita a torre só puido ser polo exterior e, xa que logo, máis breve do desexado, na igrexa de San Martiño paramos a ver a vella porta románica que permanece alí esquecida. Comenteille que preto había uns fermosos petroglifos mais que non poderiamos ir, non era doado chegar a eles sen pegar algún que outro brinco, algo compricado para o meu bo amigo. En ningún dos tres casos existe sinalización algunha para chegar a eles, pode ser que a torre chegue alguén que alcance a vela dende a estrada, mais se chega alí non ten ningún panel informativo que comente a súa historia, o seu por qué, que informe ao curioso visitante do que ten perante os ollos. Aos petroglifos, dende logo, non chega ninguén a non ser que vai acompañado por un coñecedor do lugar e de dar con eles máis vale que teña coñecementos sobre os mesmos, se obvia que poden levar alí miles de anos se cadra até lle da por amañar as súas formas. Pola tarde chegamos a Santa Mariña, namais entrar no lugar saúdanos o vello Pazo, contemplámolo dende diferentes perspectivas e, entre risas e un fondo pesar, o feismo abrollou de socato nun adosado de bloques. Abstéñome de comentarios. Chegamos até a igrexa asentada sobre un castro esgazado por unha pista. Antes de entrar demos unha volta ao vía crucis, para topar co sitio baleiro de varias das cruces que o conforman. Unha, concretamente, permanecía esnaquizada en tres anacos no chan, cuberta pola herba que medraba ao seu redor. Logo paramos un anaco, no cruceiro que se converte en pedra angular do vía crucis. O meu bo amigo di: “onde hai un cruceiro, houbo un pecado” rememorando un dos relatos de Cousas. E dende logo se a relación é certa, alí houbo moitos pecados. Entramos no camposanto, demos unha volta ao redor, ollando para os espectaculares mausoleos existentes, novamente o meu irónico amigo di “nos cemiterios tamén se reflicten as crases sociais” e, non hai dúbida, era certo. A fortuna quixo que naquel intre, fosen unhas mulleres a ver a igrexa e nós, non perdemos a ocasión de entrar e achegarnos até onde descansan os restos dos vellos señores e disfrutar do interior da igrexa. Novamente, escasa sinalización, ningún panel informativo que nos informe dos monumentos e construccións que vimos e, o que é peor, patrimonio estragado. A visita rematou nas ruínas do balneario de Frádegas que reflicte a perfección a realidade do abandono e fixo medrar en nós a resignación de toda a riqueza herdada que podemos botar a perder de non poñela en valor. En fin, coma dixera ao comezo o que vimos non foi nin a metade do que nos queda por ver. Mais, o triste é que dende o noso concello non se faga absolutamente nada polo noso patrimonio. O triste é que sexa necesario invertir unha morea de cartos para crear un seudo-parque castrexo xusto na zona de Galiza con maior número de asentamentos catrexos por quilómetro cadrado e, que ningún dos verdadeiros esté protexido e ben sinalado. O triste é que moitos dos cidadáns de Antas descoñezan a riqueza que teñen fronte da súa casa porque o concello nunca nada fixo por lle dar o valor que lle corresponde as nosas igrexas románicas, aos nosos petroglifos, aos nosos pazos e torres, aos nosos muíños, á nosa exquisita paisaxe de marabillas inesgotabeis, a nosa cultura oral e gastronómica, etc. O triste é que chegue un visitante a Antas e che pregunte qué é o que pode ver alí e a ti ,ao responder, ocórrenseche tantas cousas que non saberías cal lle indicar, pero logo matinas que vai pasar máis tempo perdido na procura delas do que terá para contemplalas e, senón fose por vergoña, preferirías quedar calado. En definitiva, que no noso concello entre moitos recursos a pór en valor, temos un patrimonio magnífico que está agardando a que a nosa atención caia sobre el. Non sei se isto serviría para incrementar a riqueza dos veciños e veciñas de Antas de Ulla, coido que si, mais dende logo axudaría a aumentar a autoestima do pobo ao tomar conciencia dos tesouros que ten na porta da casa. Supoño que ninguén lle viu o rendemento electoral, se é que o ten, á intervención sobre patrimonio, pois só así entendo esta deixadez e abandono.
En fin, esta foi a viaxe sen rematar de dous nacionalistas na procura do patrimonio.
Manolo Vilariño Vázquez

Nota: Foto da Pena de Chaos, de Cristina Varela.

29 de Mar de 2007

O ÚLTIMO PLENO DA LEXISLATURA


Hoxe ás 12 da mañá, como é costume en Antas de Ulla desde tempo inmemorial, celebramos o derradeiro pleno ordinario da presente lexislatura. Nós facemos tempo no Farelo; hai tempo que desistimos de acudir onda o secretario a requirir respostas que nunca chegan. Eles arremuiñados a carón da porta da alcaldía, atentos e expectantes.
Aló van catro anos perdidos nunha inercia abafante.
Ao principio da lexislatura e novato, un sentíase nervioso ao entrar; non sexa o demo que non me dea explicado correctamente cando me toque intervir. Agora, ao final catro anos despois, un está nervioso á saída; porque ves como pasa o tempo e os anos e non hai novidades, non hai interese en facer cousas orixinais que repercutan no desenvolvemento de Antas. Todo se volve amaños, horas de axuda a domicilio, prazas no servizo de atención á infancia, xeración de créditos (hai moito tempo que non se aproban os orzamentos) e, con sorte, algún alcantarillado ou traída de augas (que non se sabe nunca o motivo da elección de tal ou cual lugar).
Informes varios, algunha solicitude á Deputación, contratacións a dedo varias e precarias sempre e, para rematar; concesión de alta no servizo de augas e autorización de festas populares.
Estas historias son as “resolucións da alcaldía”. En Antas non hai Comisión de Goberno, aquí gobernase por decreto... decretos que non figuran en ningún libro de rexistro que os ordene e lles dea fiabilidade e evite correccións “a posteriori” ou outras “perversións” administrativas.
A Xunta de Galicia, por fin, tomou unha boa decisión para poder acceder a subvencións e axudas diversas; obrigar aos Concellos “morosos” a entregar en tempo e forma ao Consello de Contas as informacións económicas e de xestión municipais e así evitar condutas coma a do Concello de Antas que raiando na ilegalidade usurpa o debate dos orzamentos e oculta deliberadamente información á oposición a fin de evitar o control e fiscalización necesaria nunha sociedade democrática.
A Consellería de Innovación e Industria concedeulle unha axuda ao Concello para a creación dunha páxina Web. Preguntado por este asunto o alcalde afirma que xa está feita e funcionando pero non é capaz de darlle ao que subscribe a dirección da páxina nin o nome da empresa que a realizou.
Hoxe aprobouse tamén o abono dunha morea de facturas a acredores diversos, por motivos dispares e de antigüidades varias. Como vai cambiar a Corporación hai que deixar as débedas saldadas. Iso si, os orzamentos do 2005 e 2006 e 2007 quedarán para máis adiante e esta Corporación non terá oportunidade de dicir absolutamente nada sobre estas cuestións pois xa non existirá... Curiosamente as facturas da obra da Praza Nova que son do 2005 non existen pois como non recibiron a subvención correspondente non hai nada aínda, neste asunto esta corporación tampouco terá nada que dicir... e iso que estamos falando de 48000 euros...
A feira do queixo, o día 6 de maio, con exposición dos industriais ou sen ela. Para cando unha data estable? Se en Lalín andaran con estas historias a festa do cocido xa non existiría...

Luís Vázquez Rojo

26 de Mar de 2007

FALAMOS CON ALEJANDRO OTERO GARCÍA


Alejandro Otero García, veciño de A Somoza da parroquia de Santa Cristina é técnico de frío.

Por que consideras tan necesario un cambio de goberno en Antas?

É un feito que a situación de moitos dos concellos da Galiza interior hoxe por hoxe non atravesa o seu mellor momento, Antas non é unha excepción neste sentido. Contamos con unha poboación que día a día diminúe, a natalidade redúcese esaxeradamente , os homes e mulleres en idade de traballar vense coma min obrigados a buscar emprego fóra de Antas pois aquí as opcións son cando menos limitadas e en consecuencia fixan a súa residencia en outros concellos . Atopámonos así con unha poboación que supera de media os 50 anos que desgraciadamente en moitos casos terán que envellecer na soidade e coidados por asistentes a domicilio ou nunha residencia de anciáns.
Podemos admitir esta situación pero dende logo debemos tomar consciencia e tentar por todo os medios posibles remediala e aí é onde entendo que o cambio de goberno é necesario como un comezo.

Cres que o concello de Antas non está a traballar polos seus veciños?

Considero que ese traballo está a resultar dunha ineficacia que Antas non se merece.
O pouco que se fai está encamiñado a remendar as demandas que o pobo fai chegar á alcaldía , co único obxectivo de conquistar o voto que permita a súa permanencia no goberno. Esta maneira de traballar non é boa para ninguén, sempre fun da idea de que o concello é primordialmente o que debe coidar do benestar dos seus veciños .Unha alcaldía que se dedique ao seu pobo non precisa que ”tal ou cal” veciño se achegue ao concello a reclamar que se amañe o camiño que leva a súa casa , pois a súa casa é do concello tanto como a do propio alcalde e a de este de seguro que non ha de estar estragada.

Cal pensas ti que sería a solución para Antas?

Sería arriscado e arrogante dicir que se posúen as claves para voltear esta situación, pero o que sen dúbida é certo é que moitos concellos encóntranse en situación similar ao noso e isto non pasa desapercibido ante a Xunta , o goberno central e incluso as institucións comunitarias, as que están a ofrecer tímidas axudas coa intención de paliar esta situación, pois ben, por todas e cada unha destas vías debemos aproveitar a axuda e aínda así reivindicar máis . No punto en onde coido que nos encontramos é vital a interacción cos distintos estamentos, logo un traballo enfocado non só a corrixir os problemas que hoxe temos senón tamén a previlos debe ser un enfoque a ter en conta.

Como ves o BNG de Antas?

A humildade coa que se acepta esta situación dende o BNG de Antas, a capacidade de traballo dun grupo de persoas que entendemos que queda moito por facer polo noso concello, o interese único de lograr un futuro mellor para a terra que nos criou e a que nunca quixeramos deixar, son aspectos para min a valorar moi explicitamente.
O BNG de Antas aposta por un traballo limpo e concienzudo , con honestidade e cercanía , algo moi lonxe do que hoxe temos desgraciadamente.

15 de Mar de 2007

VICEPRESIDENCIA REMATARÁ O 2º ANDAR DO CENTRO DA TERCEIRA IDADE DE ANTAS DE ULLA



A Delegada da Igualdade e o Benestar de Lugo, Branca Rodríguez Pazos, visitou a Residencia da Terceira Idade de Antas de Ulla acompañada do director do centro e do candidato do BNG Javier Doval Otero. Ademais de percorrer o 2º Andar, que está sen tabicar, interesouse polas deficiencias e necesidades do centro ás que prometeu dar resposta.
A continuación tivo lugar no salón de actos unha charla que contou coa asistencia dunhas corenta persoas e na que interveu Javier Doval que expuxo o interese do BNG de Antas de Ulla por poñer en funcionamento unhas instalacións que levan moitos anos paradas para así conseguir que os maiores dispoñan de máis prazas e recursos, insistiu na conveniencia de que Vicepresidencia continúe coa súa labor de apoio aos Concellos que son, en definitiva, os que realizan a labor de atención no fogar.
Pola súa parte, Branca Rodríguez Pazos asegurou que Vicepresidencia ten previsto rematar o 2º andar e construír un Centro de Día que disporá de lavandería, servizo de cátering e transporte adaptado. Tamén se prevén prazas para maiores asistidos. O orzamento necesario aprobarase durante este ano.
Así mesmo, a Sra Delegada informou aos asistentes á charla, que organizaba o BNG de Antas de Ulla, sobre a Lei de Dependencia cuxa implantación a partir de xuño posibilitará que as prestacións sociais dos grandes dependentes sexan un dereito e unha realidade que debe ofrecer a Xunta de Galicia.

12 de Mar de 2007

ACTO NO CENTRO DA TERCEIRA IDADE DE ANTAS DE ULLA

O BNG de Antas de Ulla convídavos á charla



Actuacións da Vicepresidencia
en Asuntos Sociais:

Axudas no fogar e
Lei de Dependencia



Xoves 15 de Marzo
ás 17.30 horas
Salón de Actos
Centro da 3ª Idade

5 de Mar de 2007

CON TODAS E TODOS NÓS UNHA NOVA ANTAS É POSIBLE


O sábado 27 de Xaneiro, no Hotel-Restaurante Val, ante máis de medio de cento de persoas, o BNG de Antas de Ulla presentou ao seu candidato á alcaldía, Javier Doval Otero. No mesmo acto participaron Luís Vázquez Rojo, Concelleiro do BNG, e Ruben Cela, Director Xeral de Xuventude e Solidariedade. Na primeira intervención, Luís Vázquez, fixo unha análise dos 8 anos de duro traballo do BNG a prol do Concello. A continuación, Rubén Cela, deixou patente o apoio que ofrece a Xunta de Galicia a municipios como Antas e que, por desgraza, ese apoio moitas veces é desaproveitado polos que gobernan a escala local, como acontece no noso concello. O acto rematou coa intervención do candidato, Xabier Doval, quen asumindo a responsabilidade que os membros do BNG nel depositamos, amosou a súa ilusión ante o novo cometido, sendo consciente do traballo que lle agarda para conseguir o Concello como todos desexamos. Para acadar tal obxectivo vós sodes peza indispensable e agora é o intre de facelo realidade.
No BNG de Antas de Ulla estamos plenamente convencidos de que cunha boa xestión do noso potencial presentaríamos uns niveis de benestar e calidade de vida moito mellores dos que temos na actualidade. Consideramos que non podemos continuar con esta dinámica de estancamento e retroceso, non podemos caer na resignación de que Antas morre, debemos actuar e impedir que quen nos levaron a esta situación crítica continúen estragando coa súa deixadez os nosos recursos.
Nós estamos a traballar por un programa que ofreza solucións aos problemas que padecemos. Temos moi presente que non é tarefa doada, que nos agarda un traballo moi serio por diante para poñer a Antas no lugar que lle corresponde, mais cremos que é posible.
Para iso contamos cun conxunto de persoas con moita ilusión, un grupo de traballo moi activo que presenta ideas e aporta solucións, que sente a Antas como parte de si e que non está disposto a consentir o que se está ou máis ben, non se está a facer, polo noso municipio. Tamén, contamos co apoio da Xunta de Galicia, por iso quixeron estar connosco, arroupándonos, o día da presentación do noso candidato, deixando moi claro, Rubén Cela, o seu compromiso con nós. Mais o fundamental é a vosa axuda, veciños e veciñas, para construírmos entre todas e todos unha nova Antas que mire ao futuro valente e ilusionada, un concello que respectando o seu pasado saiba modernizarse e adaptarse aos novos tempos que corren, sen ficar atrás no camiño. Se ti queres, garantímosche que é posible, entre todos e todas podémolo facer.
Temos ante nós a posibilidade dunha Antas nova, moderna e orgullosa de si mesma, que afronte o futuro sen medo, con firmeza e coa seguridade de quen con traballo esixente pode facer fronte aos moitos retos que ten por diante. Asumamos a nosa responsabilidade e fagámola realidade
Este é o noso compromiso serio e sincero con todos os cidadáns deste Concello, este é o noso compromiso con Antas de Ulla, compromiso do que ti podes ser participe. Con todas e todos nós unha nova Antas é posible

1 de Mar de 2007

QUE RELACIÓN TEN O ALCALDE CON ARCOFOR C.B.?

O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla solicitou o pasado 1 de febreiro información, que non contestou o alcalde no seu día como se lle pediu no Pleno ordinario de xaneiro, sobre a facturación da empresa ARCOFOR C.B. en relación ás obras de pavimentación levadas a cabo en Castro de Amarante, Ludeiro e rúa da Praza Nova. Estas obras consistiron na colocación dun lousado de cemento de cor roxiña e deseño característico; este tipo de pavimento foi ideado e confeccionado pola citada empresa nas instalacións de Gradoi.

No Pleno extraordinario do día 27, entre outros temas, figuraba un informe da alcaldía sobre o citado asunto. “Non hai ningunha factura” foi a lacónica contestación do Sr. Alcalde para, a continuación, facer unha relación de empresas de Antas con “vinculacións de parentesco” coa alcaldía , membros do pleno ou traballadores municipais, dito o cal non deixou intervir á oposición, que manifestou o seu desacordo e desconformidade coas explicacións fóra de lugar xa que en vez de centrarse na empresa en cuestión fala da relación con outras empresas de Antas.

Esta actitude fainos sospeitar que a alcaldía quere sembrar a duda sobre ás intencións dos membros do BNG de Antas de Ulla que non é outra que a de investigar a relación desta empresa ARCOFOR C.B. co Concello en canto a facturacións e contratacións de obras de pavimentacións pasadas e futuras.

Por todo iso volveremos requirir ao Concello para que informe adecuadamente deste asunto e amose a documentación pertinente de acordo coa lexislación vixente.