27 de Set de 2007

O PP DE ANTAS DE ULLA NON APOIA AO COMERCIO LOCAL

O BNG de Antas de Ulla presentou un ROGO no Pleno de hoxe para que o Concello de Antas merque aos comerciantes e industriais de Antas pois segundo puidemos comprobar mirando as facturas de diversas obras , dende as últimas eleccións , os materiais de construción cómpranse agora en establecementos doutros concellos sen un motivo que o xustifique polo que pensamos que o Alcalde e o Tenente Alcalde están actuando así para castigar a industriais e comerciantes, por razóns persoais, ou revanchismos políticos ....

Menosprezo ao traballo da oposición do BNG

Consideramos que non se respecta o labor da oposición polo que presentamos un ROGO , pois póñense trabas para coñecer a orde do día dos Plenos ordinarios coas 48 horas legais; normalmente entrégase a orde do día na tarde anterior á véspera do pleno. Tampouco se facilita o acceso á documentación esgotando sistematicamente os prazos legais e incluíndo todos os formalismos ; coa única intención de dilatar o acceso á información solicitada. Coártase a liberdade de expresión nos Plenos ao non deixar quenda de réplica nas preguntas e evitar así o debate. Fáltase o respecto a oposición .

Parálise do programa europeo INTERREG en Antas

Denunciamos tamén, a nula xestión do programa INTERREG que se lle concedera a Antas; xa que o único que fixo na finca de Barbalde ata a actualidade foi vender a madeira dos piñeiros (valorada en 50 000 euros) sen informar a ninguén do que fixo con eses ingresos e mentres tanto no concello de Chaves en Portugal xa teñen o programa funcionando pois xa plantaron as vides e os castiñeiros.

Punto 5 da orde do día......Nulo interese da alcaldía de facer o Centro de Día na Residencia da Terceira Idade

Opuxémonos á iniciativa do alcalde de solicitar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar investimentos para o Centro da Terceira Idade porque consideramos que o proxecto da alcaldía non prevé a construción dun Centro de Día no propio Centro Residencial para así aproveitar servizos como o de cociña, salón de actos, lavandería, ...etc.
“Parece de sentido común que a vontade dun político , que administra cartos públicos, ten que ser tratar de minimizar os custes e sobre todo ofrecer os mellores servizos. Nós non imos participar co noso voto nunha demanda que non trate de igualarnos aos concellos mais avanzados na prestación de servizos , e siga como noutros casos facendo dos nosos xubilados e dependentes cidadáns de segunda” .

26 de Set de 2007

TEMAS PENDENTES

Levamos 100 días de goberno, e o alcalde segue sen tomar ningunha medida sobre os seguintes temas:

Amaño de pistas. Debe querer amañar os buratos no inverno! Cómo é posible que un tema tan urxente non mereza nin unha mención por parte do alcalde en tres plenos que levamos.(Imaxe típica de calquera camiño ou pista)



Presentación das contas. No derradeiro pleno da anterior le-xislatura, alá por marzo, o alcalde comprometeuse a ter as contas ao día. Pero a día de hoxe as contas seguen sen pasar pola fiscalización correspondente. Para ben ser, nestes meses deberiase estar preparando o orzamento do ano 2008! Levamos dende o 2004 sen el.



Plan de Urbanismo. Terá o BNG que seguir lembrando a importancia dun plan de urbanismo durante os vindeiros catro anos?

Plan de sinalización de tráfico. Imos solicitar a realización dun Plan de sinalización de tráfico tanto da vila de Antas coma de todas as vías de competencia municipal, tanto con sinais verticais como horizontais, a fin de regular o tráfico en cruzamentos incorporacións...etc

Quen ten prioridade neste cruzamento?



      Soportes de puntos de luz que nunca se puxeron… e provocan caídas dos viandantes.

      23 de Set de 2007

      HOXE FALAMOS CON....


      Hoxe falamos con Xosé Luís Santiso García de Antas de Ulla. É un dos responsables do FolkAntas, ten participado en diversas asociacións e promovido actos culturais e de música tradicional galega.


      1. En que actividades culturais estas a participar na actualidade?

      Pois, aínda coas melodías do Festival Folk do pasado día 11 de agosto nas orellas, dende a Asociación Cultural FolkAntas estamos xa pensando na Edición 2008; e, tendo en conta os niveis que imos acadando cada ano tórnase nun reto moito máis complicado para nós. Agardamos seguir contando cos apoios e colaboracións precisas para lograr traer a Antas o mellor da música que se fai no noso País.


      2. Consideras suficientes os apoios recibidos para o FolkAntas 2007?

      Un sempre quere máis... Pero é de xustiza recoñecer as importantes axudas que recibimos de Institucións como o Xacobeo e da Consellería de Cultura e do Concello, sen as cales sería inviable un Festival como o de este ano.Temos que agradecer tamén a cola-boración dos veciños e veciñas que cada ano son receptivos á nosa oferta de camisetas.


      3. Cres ti que a cidadanía de Antas é consciente da riqueza patrimonial e cultural deste concello?

      O de non ser profeta na propia terra seguramente tamén alcanza ao noso patrimonio cultural. Pasa como coa saúde: que ás veces non temos unha clara percepción dela ata que a perdemos.Corresponde ás diferentes Administracións públicas potenciar estas riquezas, pero non se pode obviar que é misión de todos e cada un de nós, como individuos, facer o posible por coñecer, estudar, amosar, protexer e defender esas riquezas que temos.


      4. Que aspectos sería necesario mellorar para potenciar a dinamización cultural e patrimonial de Antas de Ulla?

      Considero que somos un Concello moi dinámico nese senso. Temos colectivos que cobren un amplo espectro nas diferentes vertentes culturais e de ocio.Con todo non se pode concluír que xa está feito. Estimo que deberíamos buscar o xeito de implicar a máis persoas nestas ou noutras actividades novas. Tamén sería moi enriquecedora e dese-xable, unha maior participación dos veciños e veciñas en actividades comúns non lucrativas. En ocasións semella que se pensa que toda iniciativa ten que partir dos Organismos públicos, que todo ha ser de balde, pero entendo que non é así. Son impres-cindibles as iniciativas "privadas" tamén neste chamado Terceiro Sector.



      22 de Set de 2007

      PISCINAS, MELLORAS NECESARIAS

      Este verán os veciños de Antas puidemos disfrutar máis das nosas piscinas. O tempo non acompañou e a chegada de xente de fóra foi menor.

      É moi positivo que veña xente de fóra a Antas, pero é necesario que esa chegada non colapse a piscina e xere ingresos no comercio e na hostalería do Concello. Haberá que poñer en marcha as actuacións precisas para que poidamos aproveitala os de Antas e que ao mesmo tempo atraian a xente de toda a provincia: haberá que aumentar o persoal, mellorar a oferta, e sobre todo, sacarlle proveito.

      Parece ser que ao alcalde non lle acorda que as piscinas estiveron 8 anos pechadas. Como é posible que se manteñan as piscinas abertas en ausencia de socorristas durante o mes de agosto?
      As piscinas teñen e deben autofinanciarse e ademais crear riqueza.

      18 de Set de 2007

      O PARQUE EMPRESARIAL


      O futuro polígono industrial de Antas de Ulla recibiu a súa bendición por parte da Corporación no Pleno Ordinario do pasado mes de Xullo, cos votos a favor do PP e do PSOE .

      Mal IDEADO


      O BNG defendeu sempre que se dotase a Antas do solo industrial. Xunto cun novo Centro médico, vivendas sociais, depuradoras de augas etc, son as necesidades mais urxentes do noso Concello. O que está a facer o noso Alcalde, é como o que vai facer unha casa e quere empezar por montar a cociña… Empezaremos pola estrutura e logo arranxaremos os distintos espazos da mesma!.
      Nós entendemos, polo tanto, que o que realmente necesita Antas é un Plan Xeral de Ordenación Municipal no que se inclúan todas estas necesidades, e entre elas un polígono.
      Sí , Nós queremos área industrial , pero que se inclúa dentro dun PXOM.

      Mal PRESENTADO


      Pretende facerse sen contar coas Consellerías de Política Territorial, Vivenda e Industria, e botando man dunha sociedade creada polo SR. Cacharro (SUPLUSA), para sacarlle as castañas do lume a algúns alcaldes en apuros electorais e amigos do ex presidente, na pasada campaña. Asinando o convenio en marzo e colocando o letreiro uns días antes das eleccións. Que indecencia!!! Chega o asunto a Pleno, 4 meses despois, co 90% dos terreos comprados, sen ter en conta a opinión dos veciños, axentes sociais, forzas políticas, industriais etc … “guste ou non temos que roelo “
      O BNG de Antas non votando a favor quere denunciar publicamente esta política de “malfeitos “ consumados.

      Mal NEGOCIADO


      No convenio asinado, o Concello comprométese a dotar de servizos básicos e urbanizar o polígono así como outros compromisos menores. Se non se quere contar coa Xunta de Galiza, de onde vai saír financiamento?
      Para darnos unha idea: só a Consellería de Vivenda investiu na urbanización do polígono de Monterroso 3 millóns de euros. Como vai ser o noso polígono se só ten un orzamento total de 850 000 euros?
      Pé de foto: o BNG sempre defendeu que se dotase ao Concello de Antas de solo industrial

      17 de Set de 2007

      NOVO GOBERNO DE ANTAS, VELLAS ACTITUDES E POUCO TRABALLO

      O BNG de Antas de Ulla ten presentado unha serie de propostas e
      iniciativas para mellorar a xestión municipal.
      O novo goberno municipal continúa co mesmo xeito de traballo: créase unha Xunta de Goberno que aínda non se reuniu, dos orzamentos deste ano nada se sabe, o Consello de Contas está reclamando os orzamentos do 2005,...
      O BNG rexeita o incremento excesivo no soldo do alcalde, que cobrará 37.142,28 euros anuais. Tamén se aprobaron cos votos do PP, dúas dedicacións máis para dous concelleiros do PP cun custo de 29.400 euros. Van supoñer para as arcas municipais un mínimo de 66.542,28 euros (máis de 11 millóns de pesetas) moi por encima doutros concellos semellantes.
      Pedimos a finalización da obra de “Saneamento da rúa Santa Mariña de Antas de Ulla”. Consideramos que nove meses despois do comezo, é tempo suficiente para rematar unha obra desta envergadura e queremos saber se a mala planificación, a ineptitude na dirección de obra ou a ineficacia na execución das obras “por administración” do Concello son os responsables.
      Apoiamos solicitar a construción dun pavillón polideportivo no Colexio, e pedirlle á Deputación que aposte polo trazado máis próximo a Antas no tramo da Autovía Lugo-Santigo facendo fincapé en que o acceso á citada autovía é fundamental.
      Pedimos que se faga un seguimento dos solares que non están coidados e nas debidas condicións para instar aos seus propietarios a que os limpen e evitar incendios.
      Solicitamos unha campaña de desratización na vila.
      Esiximos unha correcta sinalización de tráfico na Vila.
      Solicitamos as facturas das obras realizadas por administración para comprobar os gastos en subministros, os gastos de teléfono e correos. Consideramos que a seguridade nas piscinas municipais non estivo plenamente garantida pola falta de socorristas.
      Tamén reclamamos a limpeza e amaños das pistas, que seguen sen desbrozar e en mal estado.