30 de Dez de 2007

ANTAS DE ULLA COA SELECCIÓN GALEGA


Máis de medio centenar de persoas da comarca da Ulloa asistiron ao encontro da Selección Galega coa de Camerún no estadio vigués de Balaídos o pasado 27 de decembro.

25.000 persoas vibraron co combinado galego, a pesar da tardanza dos xogadores do Camerún en saltar ao céspede.

Foi unha gran festa nacionalista galega.

Debido ao éxito da convocatoria, repetirase en anos vindeiros.

20 de Dez de 2007

EDITADO UN NOVO VOCEIRO DO BNG DE ANTAS DE ULLA

O BNG ESIXE RESPECTO PARA O NOSO COMERCIO E INDUSTRIA
Nos dous últimos Plenos ordinarios, o Grupo Municipal do BNG presentou dous rogos para que non se tomen represalias por razóns persoais, políticas ou doutra índole contra os nosos comerciantes.
Cumprindo coa nosa responsabilidade de estudo das distintas facturas que se pagan dende o Concello, descubrirnos que nesta lexislatura estanse comprando en Agolada materiais que teñen á venda industriais de Antas de Ulla, non obtendo por parte do Sr. Tenente de Alcalde e responsábel de obras, explicación convincente desta situación .
O BNG quere informar aos veciños do que esta pasando e, publicamente solicitarlle ao Alcalde que depoña esta actitude e que apoie ao comercio de Antas de Ulla.


TODOS E TODAS QUEREMOS AS MESMAS OPORTUNIDADES
O pasado 30 de outubro celebrouse un Pleno extraordinario no que se debateu a Moción presentada polo grupo municipal do BNG, solicitando a creación dunha comisión que elaborase un baremo regulador da oferta de emprego que se fai dende o Concello. A moción foi rexeitada polos 6 votos en contra dos concelleiros do PP .
Fronte á publicidade , transparencia e obxectividade proposta pola moción do BNG para a oferta de traballo e contratos dos empregados do Concello, topámonos coa negativa dun Alcalde que amparado na maioría que ostenta, prefire seguir vendéndolles o favor aos traba-lladores antes que recoñecerlles que o seu posto e soldo son froito dos seus méritos e do seu traballo.


ESTA VEZ TOCABA PERDER A SECRETARIA DO XULGADO DE PAZ
O proxecto de decreto que está a tramitar a Consellería da Presidencia, que dirixe o socialista Méndez Romeu, de unificación das secretarías dos Xulgados de paz de Carballedo, Taboada e Antas de Ulla , foi rexeitado polos votos do equipo de Goberno e do Grupo Municipal do BNG .
A unificación destas secretarías fixando a sede en Taboada, proposta apoiada polo PSOE de Antas, supoñía que quen realizaría o servizo administrativo do Xulgado así como as tarefas de Rexistro Civil, sería un funcionario que se desprazaría dende Taboada unha ou dúas veces á semana até o noso Concello .
O Grupo Municipal do BNG entende que o non contar co funcionario do xulgado todos os días da semana é unha redución dos servizos para os veciños e veciñas de Antas, e que polo que temos que apostar é por que se melloren os existentes.
Os nosos fillos reciben ensino de secundaria obrigatoria en Monterroso, para ir ao médico en horario de garda imos a Palas de Rei, trámites na Garda Civil en Monterroso etc,
No BNG cremos que é necesario manter o servizo para solicitar unha partida de nacemento, defunción, solicitar un libro de familia, ou inscribir un fillo no Rexistro Civil e non ter que esperar a que lle tocase vir ao funcionario dende Taboada.


A AUGA DE ANTAS: POUCA E CARA
O BNG de Antas afirma que a nova ordenanza fiscal da taxa polo subministro de auga, aprobada co voto de calidade do Alcalde, non solucionará os problemas que sofre a poboación coa auga da traída.
A polémica coa candidata do PSOE sobre o uso da auga municipal sen o preceptivo contador vén a indicar precisamente o escaso control do servizo e o feito, recoñecido pola alcaldía, de perda de auga en canalizacións municipais indica tamén un mantemento ineficaz.
Os nacionalistas consideramos positivo que o goberno municipal se decidira a modificar a ordenanza da traída de augas. Recordamos que a actual data do ano 1975 e modificouse no 1983. Durante este tempo o subministro de auga potábel aos domicilios da vila de Antas non foi adecuado durante os meses de verán.
A pesar dos investimentos realizados nos últimos anos aínda hai deficiencias e durante o mes de novembro notouse falta de presión e escaseza durante 14 días, realizáronse cortes sen avisar cos conseguintes prexuízos para os veciños.
-Presentamos varias alegacións a este regulamento das cales só unha foi tomada en consideración polo alcalde e o grupo do PP: aumentar de 9 m³ a 14 m³ o primeiro tramo da tarifa por considerar que a proposta inicial era insuficiente para as necesidades dunha familia.
-Tamén propuxemos a creación dun terceiro tramo que penalizara o excesivo consumo (por encima dos 30 m³/mes).
- Regulación do consumo industrial.
-A exencións ou bonificacións a persoas con escaseza de recursos económicos, con discapacitados no seo familiar ou en situacións sociais especialmente precarias
-E a redución da tarifa de enganche nun 50% fixándoa en 80 euros fronte aos 161 propostos e aprobados polo PP.


TEMAS PENDENTES...
Desde o ano 2004 non se aproban os Orzamentos no Concello. A pesar dos requirimentos do Consello de Contas e outros organismos; os responsables da xestión económica non cumpren coa lei. Porque así:
-Evítase o debate político, non se coñecen cales son os obxectivos que se propoñen e, sobre todo, cales son os resultados.
-Non se informa á cidadanía de Antas do destino dos 50.000 euros que obtivo a empresa pública EPICA vendendo os piñeirais de Barbalde.
-Obstaculizase deliberadamente a tarefa de control da oposición de fiscalización dos gastos tanto do concello como da empresa pública.






16 de Dez de 2007

A ESTE CONCELLO FÁLTALLE DINAMISMO


Cando dende o BNG de Antas me pediron se podía facer un artigo para este voceiro o primeiro no que pensei foi en que a este concello fáltalle “dinamismo”, pois dende que alá polos 90 comezara a facerse insostible o sistema de pequenas explotacións agrarias, que eran a base da nosa economía, apenas xurdiron novas iniciativas económicas: mantéñense os mesmos negocios na vila e a maioría das aldeas sobreviven grazas aos pensionistas que aínda se poden valer por si mesmos e as poucas explotacións gandeiras, que conseguiron facer fronte á devastadora aplicación das políticas agrarias comunitarias.
Sendo como somos un concello agradable para vivir, cunha longa historia, ben situado, con moitos recursos naturais, e que recibe ademais fondos da Comunidade Europea, supostamente dedicados ao desenvolvemento rural, deberíamos de ter aproveitado todo ese potencial para por en marcha novas alternativas para seguir facendo produtivas as nosas terras e a creación de pequenas industrias, que nos permitan subir ao carro do progreso.
Creo que é imprescindible que dende o concello, os nosos representantes políticos, que ao fin e ao cabo son os que teñen as mellores armas ao seu alcance, se volcaran en promover iniciativas, informarse e informar das axudas (que as hai) ás iniciativas de emprego e desenvolvemento rural, presentar proxectos, para o noso concello, que poidan ser financiados dende a Administración Autonómica, e sobre todo, administrando a nosa economía de xeito responsable e con visión de futuro. Antas ten que ser capaz non só de mellorar os servizos que aínda conservamos, senón tamén de crear outros novos, de xeito que o noso concello adquira o dinamismo necesario para mirar ao futuro con optimismo.
E, como non, é fundamental que aprobe dunha vez por todas un Plan Urbanístico respectuoso co noso entorno e as nosas necesidades, que se poña en marcha o parque empresarial, que se dote de servizos adecuados ás aldeas, que se potencie a nosa oferta turística,..etc.
Está no meu ánimo que isto sexa unha crítica construtiva, xa que un pobo non se pode manter indefinidamente na mesma situación, ou ben se bota a andar e avanza ou a perda económica, de poboación e polo tanto de peso social é inevitable.


María Gontá Castiñeira é natural de Barreiro. (Enxeñeira Técnica Naval)

14 de Dez de 2007

PAZ ABRAIRA VISITA ANTAS DE ULLA

Mañá sábado día 15 de decembro, ás 19:30 horas, no Restaurante Val de Antas a deputada autonómica Cristina Ferreiro e a candidata nº 1 ao Congreso Paz Abraira reuniranse cos cargos públicos e orgánicos, militantes e colaboradores dos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla para avaliar o resultado do traballo feito polo BNG no Congreso e no Senado e a súa repercusión cara o futuro de Galiza a decidir o vindeiro 9 de marzo.

7 de Dez de 2007

O BNG SOLICITA APOIO PARA A S.D. ANTAS NO 30 ANIVERSARIO DA SÚA FUNDACIÓN


O BNG vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que solicitamos que se facilite, no local anexo ao campo de fútbol municipal, un espazo que reúna as condicións adecuadas para atender as necesidades administrativas e organizativas deste Club
E tamén pedimos que se habilite unha partida extraordinaria nos Orzamentos correspondentes ao ano 2008 a fin de subvencionar a conmemoración do 30 aniversario da S.D. Antas, para un evento que fomente a participación na actividade deportiva e a vida sa entre os xóvenes do concello.

5 de Dez de 2007

Selección Galega


O próximo xoves 27 de decembro a Selección Galega disputará en Balaídos-Vigo, o partido fronte á selección do Camerún.


O BNG de Antas acudirá ao evente acompañado dos compañeiros e compañeiras da comarca da Ulloa. Se estás interesado en acudir, reserva unha entrada enviándonos un mail á nosa conta de correo, bngantasdeulla@yahoo.es