18 de Jan de 2008

O BNG DE ANTAS DE ULLA SOLICITA SANEAMENTO E TRAÍDA DE AUGA PARA DORRA E SENANDE

O BNG de Antas, para apoiar as máis de 150 sinaturas dos veciños de Dorra e Senande, vén de rexistrar unha moción no Concello con vistas ao próximo Pleno para solicitar tanto da Consellería de Medio Ambiente como doutras administracións, a habilitación de partidas orzamentarias encamiñadas á realización das obras necesarias para a dotación de servizos de saneamento e traídas de auga ás parroquias citadas.

Os habitantes de Dorra e Senande (a zona máis poboada do Concello) levan tempo agardando pola decisión dos responsábeis municipais dado que non dispoñen de servizos básicos como son o saneamento e a traída de auga potábel, esta circunstancia provoca que ao dependeren dos pozos artesáns para o seu abastecemento e atoparse estes secos e contaminados, xa que tamén carecen de servizo de saneamento, que se teña que recorrer a camións cisternas para o abastecemento de auga.

Dotar de servizos básicos é unha obriga para promover o asentamento da poboación en todos os lugares do Concello, para iso as distintas administracións dispoñen de partidas orzamentarias que deben tramitar adecuadamente desde o organismo municipal.

Como vimos demandando desde o BNG, é necesario adoptar un baremo de criterios obxectivos que prioricen os investimentos nas parroquias tales como o número de habitantes, as explotacións agrarias e industriais,...etc. de xeito que os cidadáns de Antas de Ulla saiban cando terán acceso a estes servizos.

0 comentarios: