8 de Mar de 2008

Anxo Quintana: "ETA non pode alterar a democracia: que cadaquén vote o que tiña pensado votar"

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana expresou, nunha comparecencia de urxencia, o pésame e a solidaridade do BNG con Isaías Carrasco, a persoa asasinada esta mañá en Arrasate-Mondragón e os seus achegados e compañeiros de partido.
"ETA é unha banda criminal sen corazón e sen entrañas que só vale para sementar a morte e a destrucción", asegurou.


"Faremos o posíbel porque ninguén caia na tentación de empregar este asasinato con fins electoralistas de ningún tipo""Nun momento tan triste e tan dramático coma este, faremos o posíbel porque niguén caia na tentación de empregar este asasinato con fins electoralistas de ningún tipo; facelo sería indigno e intolerábel. É o momento da unidade", enfatizou.
Informou ademais do contacto telefónico mantido con José Blanco e Emilio Pérez Touriño, así como de estar á espera de falar con Alberto Núñez Feijoo. Quintana conversou tamén con Íñigo Urkullu e Artur Mas, presidentes de PNV e CiU, aos que informou da decisión de suspender a campaña.
Tamén informou da presenza de Francisco Jorquera en Madrid para representar ao BNG na reunión que ás 18.00 horas manteñen os portavoces de todas as forzas políticas representadas no Congreso.
"ETA quere matar á xente, pero tamén alterar a democracia. O que queren é alterar a opinión da xente á hora de ir votar pola súa acción criminal. Non podemos permitir que consiga o seu obxectivo", dixo. "Todos os que tiñan pensado ir votar, deben ir votar; e cada un debe votar o que tiña pensado votar, porque non podemos permitir que unha banda criminal altere a nosa vontade democrática", afirmou.
Por último, Quintana expresou o rexeitamento da violencia de ETA por parte dos galegos: "Onde estea Galiza haberá unha condena á súa acción criminal", dixo.
Podes consultar a intervención completa en TeleBNG (http://www.youtube.com/telebng)

0 comentarios: