8 de Mai de 2008

ENTREVISTA A SUÁREZ CANAL: "O contrato homologado é un paso histórico para o sector lácteo"

Cales foron os acordos que se acadaron onte na Mesa do Leite entre sindicatos, cooperativas e empresas, baixo a mediación da Consellaría de Medio Rural?

Creo que se deu un salto cualitativo histórico no sector do leite. Por primeira vez todos os axentes do sector (industrias, cooperativas e representantes dos produtores), coa mediación da Administración adoptan o compromiso de elaborar un contrato homologado de ámbito galego para o sector do leite.

Un segundo acordo é que o documento que puxo no seu momento a Consellaría do Medio Rural enriba da mesa e que ven traballándose dende o mes de xullo do ano pasado vai ser o documento de referencia para darlle definitivamente a formulación ao contrato. Agora ábrese un período de dez días no que as partes van facer pequenas aportacións de modificacións, engádegas ou correccións ao texto actual para que a propia Consellaría faga un resumo desas alegacións e presente un novo documento ás partes o día 22 de maio para que se conclúa a elaboración do contrato homologado.

Vaise garantir un prezo de referencia para os produtores?

O contrato homologado o que fai, en principio, pero as partes son as que teñen que acabar determinando, é artellar unha relación estábel durante un ano, como mínimo. Ademais, articula que a evolución do prezo nesa campaña -cos axustes que ten que haber entre a propia industria e o produtor, porque é un acordo de partes- vanse referenciar a indicadores obxectivos do Observatorio do Sector Lácteo que creou a Consellaría. E neses indicadores pode haber distintas variábeis, entre elas a evolución do mercado, o consumo e distintos factores de produción que poden ponderar dunha ou doutra maneira en cada caso.
Polo tanto, a evolución dos prezos que se lle pagan ao produtor en cada campaña estaría referenciada a indicadores obxectivos.

Cal é o horizonte temporal no que se prevé que se empece a aplicar o contrato homologado para o sector lácteo?

Se o día 22, como é previsíbel, hai unha solicitude ás partes da Consellaría de publicar ese contrato como un contrato tipo que vai ser homologado pola administración, nós na maior brevidade posíbel publicaríamos o contrato. Agardamos que non tería que pasar máis de 10 ou 12 días para publicarse no DOG, e a partir de aí as partes xa poderían comezar a asinar os contratos.

Galiza é a primeira comunidade que avanzou para conseguir este tipo de acordo. Pensa que pode haber algunha reticencia ou entrar en conflito cun contrato homologado a nivel estatal?

Non ten por que. Nós cremos que son dous ámbitos complementarios. Nós temos aquí instrumentos que poden dar unha singularidade no sector lácteo galego. Defendemos a especificidade do sector lácteo galego para que aquí exista un contrato homologado e non ten por que ser contraproducente que existan tamén contratos homologados doutro ámbito, mesmo de ámbito estatal, porque hai industrias que o poden ver como pertinente e nós non temos nada contra esa posibilidade.

O que si defendemos é que por importancia social e por singularidade cremos que hai aspectos que ten que reflectir o contrato homologado aquí en Galiza e por iso ddefendemos un contrato homologado propio.

Cales son os outros pasos que se marca a Consellaría para estruturar o sector lácteo galego?

O contrato homologado sería unha primeira etapa moi relevante e cualitativa. A partir de aí cremos que sería moi importante camiñar cara unha interprofesional láctea. É dicir, que as partes que participan no sector lácteo, xa sen a presenza da propia Administración, tiveran mecanismos como hai noutros estados para regular as súas relacións e facelas máis funcionais e operativas no sector e mesmo para impulsar iniciativas de actuación na dinámica sectorial que estruturen e lle dean estabilidade ao sector. Por iso unha interprofesional sería moi interesante.

Hai prazos para conseguir esta interprofesional?

Por parte da Administración é facer o noso traballo de mediación porque estas cousas en sectores que ademais están regulados por organizacións como as do mercado a nivel europea, a Administración o único que pode facer é mediar. Non pode nin forzar, nin acabar marcando prezos.

Por iso, nós dende o principio cremos que o traballo da Consellaría de mediar entre as partes está producir resultados significativos. E no momento en que se consiga o contrato homologado será un salto cualitativo porque pasaremos dunha situación totalmente desregulada na que cada produtor acababa recibindo o prezo do leite que entregaba nun mes ao mes seguinte pero sen saber o prezo que ía percibir, a ter unha dinámica máis articulada a través dun contrato, sabendo como vai evoluir o prezo ao longo de toda a campaña e, sobre todo, referenciado a indicadores obxectivos.

A partir de aí, o salto de ir a unha interprofesional sería moi positivo para o sector pero non podemos marcar prazos porque depende das partes que actúan no mesmo. A administración pode facer o seu esforzo, poñer documentos, mediar, pero depende da vontade das partes que acaben configurando ese tipo de mecanismos moi operativos no sector.

Por último, Galiza foi a única campaña que aumentou as súas entregas de leite na pasada campaña. O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño ten pendentes de reparto máis de 300.000 toneladas. Cre que o Goberno Central vai atender a demanda de Galiza de incrementar a súa cota?

Creo que o Goberno vai ter que repartir pronto as 300.000 toneladas porque non é xustificábel que a día de hoxe, e vendo como cal é a situación dos mercados, vendo como ser comportan os prezos o leite que está entrando doutros Estados, que no Estado Español ese leite da Reserva Estatal estea sen repartir cando se pode producir nalgunhas zonas sen problema, como pode ser Galiza, cando non unha parte senón toda ese leite que se está deixando de producir.

"É inxustificábel que o Goberno non repartira aínda as 300.000 toneladas da Reserva Estatal"Esta é unha reclamación que a Consellaría xa ten feito ao Ministerio en reiteradas ocasións. Vimos reclamando xa dende o pasado ano que se artellara unha nova reforma do Plan Lácteo e que se artellara un reparto que agora xa non se pode demorar máis.

E para ese reparto o que pedimos é que se establezan criterios basicamente sociais, parecidos aos que se utilizaron no Plan Lácteo do 2005. É dicir, que se destine a cota ás explotacións que a precisan, que teñan vocación de permanencia e que están demostrando dinamismo e esforzo por permanecer no sector. Esas son as explotacións que teñen que ter o destino fundamental desas 300.000 toneladas.

0 comentarios: