5 de Set de 2008

O BNG DE ANTAS PIDE UN PLAN DE SANEAMENTO E TRAÍDA DE AUGAS PARA TODAS AS PARROQUIAS


Consideramos que é necesario un acordo unánime do Pleno para elaborar un Plan Cuadrienal dun custe de 4,5 millóns de euros

O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla presentou unha moción na que solicitamos a dotación de servizos básicos de saneamento e traída de augas para todas as parroquias do Concello xa que na actualidade a maioría das parroquias de Antas aínda están sen estes servizos básicos que posibilitarían que os cidadáns afectados (preto de 1.500 persoas) non se sentiran discriminados.


O Pleno debería aprobar “a creación dunha comisión, na que estean representados todos os grupos políticos, que se encargará do estudo e elaboración dun Plan Cuadrienal para programar estes investimentos”.


Os grupos municipais temos a obriga de traballar todos xuntos na procura da mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, deixando de lado os intereses partidistas en asuntos tan importantes como son a dotación dos servizos básicos.


Por iso é necesario solicitar da Consellería de Medio Ambiente as partidas orzamentarias necesarias para a dotación destes servizos básicos”.



Unha vez rematadas as obras de saneamento e traída de auga en execución (Dorra-Senande, Cervela,..etc), as demais administracións terán que colaborar tamén técnica e orzamentariamente, pois non podemos seguir eternamente esperando por saneamentos e traídas de augas cando hai plans das distintas administracións aprobados para facelos e normativas europeas que cumprir.


Polo tanto propoñemos un acordo unánime do Pleno que co apoio da veciñanza teña a forza necesaria ante a Administración Autonómica e así lograr estes investimentos.

..

FOTO: Tanque de auga de Verín

0 comentarios: