31 de Jan de 2008

O BNG DE ANTAS DE ULLA CONSEGUE INVESTIMENTOS MUNICIPAIS PARA A MELLORA DO CUARTEL DA GARDA CIVIL


O BNG de Antas de Ulla durante o Pleno de hoxe conseguiu o apoio dos grupos do PP e do PSOE para recuperar o Cuartel da Garda Civil. Que se arranxen as vivendas e se dote con máis axentes para que sexa un Cuartel de referencia; e conseguindo o compromiso do alcalde de investir nos accesos e o adecentamento do patio interior para dotar de seguridade ao mesmo (segundo se aprecia o estado de abandono na foto que achegamos).
Tamén se aprobou, a iniciativa do BNG, a atención das mulleres vítimas de violencia de xénero onde se acadou o compromiso municipal de axudas e apoio a estas persoas en situacións moi graves.
Así mesmo, Javier Doval propuxo que se aplicara a desaparición da taxa que han de pagar os maiores que precisan do Servizo de Atención a Domicilio propoñendo o noso voceiro un cobro simbólico de un euro ao mes para cumprir coa legalidade, pois pensamos os nacionalistas que é necesaria vontade política para aplicar medidas que eviten a perda de poder adquisitivo dos nosos maiores.
Lamentamos, por outro lado, que o grupo de goberno do PP non apoiara a moción, avalada pola práctica totalidade dos veciños e veciñas coas súas sinaturas, relativa á dotación de saneamento e traída de augas ás parroquias de Dorra e Senande que presentou o BNG e que si foi apoiada polo PSOE. Pese ao ofrecemento desde a Consellería de Medio Rural de participar no financiamento da mesma.
Rexeitou o goberno do PP a urxencia dunha moción do BNG sobre a SD de Antas que pensamos que necesita de apoio urxente por parte municipal.
O alcalde deu por rematado o Pleno sen contestar as preguntas presentadas por escrito en tempo e forma, e impedíndonos expoñer o rogos previstos abandonando a sala de xeito precipitado, deixando plantados tanto aos concelleiros da oposición como ao numeroso público que asistiu á sesión.

29 de Jan de 2008

DEBATE DAS MOCIÓNS DO BNG NO PLENO DO XOVES

O próximo xoves 31 de xaneiro durante a celebración do primeiro Pleno ordinario do ano 2008 debateranse tres mocións do BNG:

  1. Moción pola que se propón a creación dun fondo de emerxencia para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero presentada o pasado mes de novembro.
  2. Moción relativa á mellora do cuartel da Garda Civil de Antas de Ulla e ao incremento do plantilla de axentes posposto o seu debate no Pleno de novembro.
  3. Moción para a dotación de servizos básicos de saneamento e abastecemento de auga potábel ás parroquias de Dorra e Senande.

25 de Jan de 2008

QUE FOI DO INTERREG EN ANTAS DE ULLA?

O Grupo Municipal do BNG solicitará do equipo de goberno do PP resposta no vindeiro pleno ordinario do 31 xaneiro de 2008 ás seguintes preguntas e que se teña en consideración os seguintes rogos :


P R E G U N T A S :

1. Ten pensado rematar os 600 metros que lle faltan de asfalto á pista “Velanxíl – Caira” obra esta orzamentada no 2003 en 12.777,82 euros segundo se recolle na resolución da alcaldía do 06/07/03. Así como os dous desanches que xa están feitos de Velanxil a Ribó?
(Foto do estado da pista en cuestión)

2. Segundo dixo vostede nos medios de comunicación (18/02/2006) “aspiramos a crear un centro que sea referente en Galicia en el marco de la investigación y la formación sobre agricultura ecológica, para lo que ya contamos con una finca de unas 20 hectáreas”. Que foi dese proxecto? Ou acaso imos perder, unha vez máis, en Antas 300.000 € (50 millóns de pesetas) máis outros 100.000 € máis como mínimo, que aporta a Consellería de Medio Rural só porque vostede non quere que as institucións que financian controlen e fagan un seguimento do proxecto INTERREG, algo que semella totalmente lóxico? É propietario o Concello da totalidade da finca? Cando vai dar conta da venda dos pinos? Ou son estas as razóns polas que non presenta os orzamentos?

R O G O S :
· Que se adecenten, como solución de emergencia ata o seu arranxo definitivo, con zahorra as pistas Velanxíl – Caira, Velanxíl – Ribó e (Velanxíl – Peibás) – Ribó e que se proceda ao desbroce.

· Que se faga limpeza dos vertedoiros incontrolados; un na pista Caira – Velanxíl que ten ata escombro e outro entre Aboi e os Carreiros.
· Que se coloque un contedor de lixo na Rivadulla a carón da única casa que hai.

· Que se proceda a revisión das carencias de puntos de luz pública en Suar (cruce marquesina parada transporte escolar – a carón da Casa de José Manuel Fernández) e no camiño de Peibás – Velanxíl a altura da única explotación gandeira que hai nese traxecto.

· Que se dote de marquesinas as paradas de transporte escolar de Suar e Amarante.

22 de Jan de 2008

PERO,.. QUE PASA COA AUGA EN ANTAS?


Desde o Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla queremos denunciar o desabastecemento de auga no núcleo urbano de Antas de Ulla, no que se levan reproducindo de maneira continua cortes no subministro de auga, estando sen este servizo en rúas como a estrada de Vilasión desde o Domingo as 21,30horas.

A pesar dos investimentos realizados na mellora da rede e depósitos, gastáronse máis de 500 000 euros, seguen producíndose cortes no subministro o que, ao noso entender, demostra incapacidade por parte do Alcalde na xestión dun servizo básico , e sobre o que por certo acaba de aprobar unha nova ordenanza , co conseguinte incremento na tarifa.

Queremos denunciar publicamente a desidia demostrada polo goberno do PP que non é quen de solucionar un problema que persiste desde hai anos.

Na foto obsérvase a auga derramada na Estrada de Vilasión

18 de Jan de 2008

O BNG DE ANTAS DE ULLA SOLICITA SANEAMENTO E TRAÍDA DE AUGA PARA DORRA E SENANDE

O BNG de Antas, para apoiar as máis de 150 sinaturas dos veciños de Dorra e Senande, vén de rexistrar unha moción no Concello con vistas ao próximo Pleno para solicitar tanto da Consellería de Medio Ambiente como doutras administracións, a habilitación de partidas orzamentarias encamiñadas á realización das obras necesarias para a dotación de servizos de saneamento e traídas de auga ás parroquias citadas.

Os habitantes de Dorra e Senande (a zona máis poboada do Concello) levan tempo agardando pola decisión dos responsábeis municipais dado que non dispoñen de servizos básicos como son o saneamento e a traída de auga potábel, esta circunstancia provoca que ao dependeren dos pozos artesáns para o seu abastecemento e atoparse estes secos e contaminados, xa que tamén carecen de servizo de saneamento, que se teña que recorrer a camións cisternas para o abastecemento de auga.

Dotar de servizos básicos é unha obriga para promover o asentamento da poboación en todos os lugares do Concello, para iso as distintas administracións dispoñen de partidas orzamentarias que deben tramitar adecuadamente desde o organismo municipal.

Como vimos demandando desde o BNG, é necesario adoptar un baremo de criterios obxectivos que prioricen os investimentos nas parroquias tales como o número de habitantes, as explotacións agrarias e industriais,...etc. de xeito que os cidadáns de Antas de Ulla saiban cando terán acceso a estes servizos.