“Algúns homes -galegos tamén- andan a falar dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das avellas…Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velaí a demostración: un can de Turquía oubea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo da Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os animais aínda están no idioma universal…”(Castelao, Sempre en Galiza).
Recentemente, asistimos a fortes ataques contra a nosa lingua dende diferentes colectivos tales como Galicia Bilingüe ou a Cadena COPE, esta última amosando tal ignorancia e desvergonza que non tivo reparos en calificar o noso idioma de “dialecto”, feito dabondo grave para desmerecer o noso respecto ante canle tan ruín e rastreira. Mentres que Galicia Bilingüe facendo unha análise claramente interesada e nada rigorosa da realidade lingüística da Galiza manifesta con absoluto descaro que no noso país o castelán corre perigo, que se está a impoñer o galego, que nos colexios é imposíbel escolarizar os fillos en castelán, etc. Co sinxelo feito de estar media hora sentado en calquera parque infantil dunha das cidades galegas (sendo pouco doado escoitar unha conversa parterno-filial en galego), evidenciaríase a falacia deste colectivo, que trala súa denominación de bilingüe agocha un afán castelanizador, a arela de fortalecer unha situación que avanza cara un monolingüísmo en castelán, impulsado, dende fai 500 anos, polo nacionalismo opresor español no afán uniformador de impor a cultura castelá. Noutras palabras, Galicia bilingüe amparándose nunha suposta defensa do bilingüismo, o que verdadeiramente pretende é a consolidación da situación actual, claramente favorecedora do castelán, na cal, de non se intervir na defensa e protección do galego, o futuro para a nosa lingua é verdadeiramente desolador, tal e como sinala a propia UNESCO ao manifestar que o galego se atopa en perigo de extinción.
Sexamos realistas. Hoxe calquera cativo que naza na Galiza vai aprender o castelán á forza, polo sinxelo feito de nacer nunha circunstancia socio-comunitaria paradóxica que prima o castelán fronte ao galego. Abondan estes feitos: das sete canles televisivas principais que hoxe se poden ver na Galiza, só unha emite en galego, fenómeno que se verá agravado coa televisión dixital; de todos os xornais de tirada diaria só un está escrito en galego; o número de películas proxectas en galego nos cinemas é case que nulo; os videoxogos ou calquera xogo infantil non existen en galego; as emisoras de radio en galego son moito inferiores ás de castelán,…
Quen, ante este panorama, siga a dicir que o castelán corre perigo e que se está a impor o galego, non é máis que un farsante manipulador que desexa a desaparición e morte do galego…tal que sentise envexa das formigas, das avellas, dos cabalos e dos burros que seguen a se comunicar nun linguaxe primixenio e universal.
Vai sendo hora de que tomemos conciencia da importancia que ten o galego, da necesidade de defendelo e protexelo, tanto dende unha perspectiva de riqueza patrimonial como dende outra meramente económica. Se alguén se lle preguntase “se estaría disposto a deixar destruír a Catedral de Santiago de Compostela, a Muralla de Lugo, ou a Torre de Hércules de A Coruña para aproveitar o espazo e construír un bloque de edificios”, de estar nos seus cabais, de seguro diría que non. Existe unha clara conciencia de que son elementos dun incalculábel valor patrimonial que han seren protexidos aínda que isto supoña, por exemplo, un elevado gasto público. Mais esta posición tan contundente e sólida non existe en relación co idioma galego en todos os sectores da cidadanía. Non se identifica ao galego cun elemento de extraordinario valor cultural do cal sentirnos orgullosos. De facto, seguen vixentes prexuízos inculcados ao longo de cinco séculos que lle outorgan un carácter secundario ou inferior, que o definen interesadamente como a lingua da aldea ou do inculto, abonda lembrar aquel panfleto fascista que rezaba “hable bien, sea patriota, no sea bárbaro”. Manipulacións interesadas encamiñadas a xerar o auto-odio, tan común nos pobos colonizados que rematan por adoptar as formas e modos do invasor convencidos de que son superiores aos propios. É preciso que se comece a entender o galego dende esta perspectiva, como unha lingua amplamente rica, perfectamente válida para a convivencia e a interacción na Galiza. Coma unha lingua que hai ser protexida e defendida por todos os galegos e galegas como parte dun patrimonio vivo e vixente, que nos pertence a todos e a todas e que a súa conservación, promoción e normalización forma parte da nosa responsabilidade.
Por outra banda, dende unha perspectiva económica ou de potencialidade de desenvolvemento a escala persoal, o galego ofrece unhas posibilidades non moi recoñecidas ou quizais imbecilmente agochadas por intereses uniformadores. Así, “o carácter galego-portugués da lingua propia dálle a Galiza unha personalidade singular na Península, na Unión Europea, na relación co Brasil, con países de África e para alén. Galiza é o único país do mundo onde se falan as dúas linguas máis importantes de Latinoamérica” (Camilo Nogueira, A terra cantada). As posibilidades que ofrece o galego polo súa semellanza coa lingua irmá portuguesa, que para moitos é a mesma lingua, son amplas e múltiples de cara o desenvolvemento empresarial ou laboral, para o enriquecemento cultural e persoal, para a difusión literaria, cinematográfica e artística, etc.
Rompamos os tópicos e os prexuízos. Desenmascaremos aos farsantes e as súas falacias, que se agochan tralo papel da vítima para exercer o rol do verdugo, eles teñen moi claro que en Galiza o castelán non corre perigo, ou polo menos máis perigo que noutras partes do Estado, gozando dunha extraordinaria saúde. Entendamos o galego como unha riqueza patrimonial viva e activa que nos abre moitas posibilidades tanto a nivel individual como social.
Somos uns auténticos afortunados de posuír esta marabillosa lingua que nos enriquece e diferenza, a máxima expresión da nosa identidade galega a través da cal nos sentir cidadáns do mundo. É a nosa obriga protexela. Da nosa man está negarnos a “baixar pola escada zoolóxica”.