25 de Set de 2008

O BNG DE ANTAS SOLICITA PUBLICIDADE NAS CONVOCATORIAS MUNICIPAIS






Os nacionalistas de Antas pedimos a redacción dunha ordenanza do Servizo de Axuda no Fogar na que se recolla a transparencia nas contratacións





O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla solicitou durante a celebración do Pleno Ordinario de hoxe que se debata a redacción dunha ordenanza municipal do Servizo de Axuda no Fogar debido ás modificacións que conleva este servizo pola aplicación da Lei de Dependencia, de maneira que se optimicen os recursos, se involucre ás familias e se aprobe un baremo de contratación que evite “as contratacións a dedo”.

Con respecto á modificación do proxecto de Centro Sostible de Ecoloxía Aplicada consideramos que responde “á improvisación” pois hai que facer modificacións cando aínda non se empezou, “estase a realizar outro cambalache coa contratación a unha empresa de diversos traballos en contra dos informes da intervención por non reunir os requisitos legais da oferta previa a tres empresas”.



Pedimos, así mesmo, que se manteñan os investimentos previstos no saneamento de Dorra e Senande e que se redacte un Plan para dotar a todas as parroquias de traída de auga e saneamento e así evitar que haxa cidadáns de primeira e de segunda. Pensamos que “é necesaria unha actuación conxunta de todos os grupos políticos para dotar de servizos básicos as todas as parroquias”.




Imaxe da finca de Frádegas



Imaxe do acceso á finca de Frádegas

5 de Set de 2008

O BNG DE ANTAS PIDE UN PLAN DE SANEAMENTO E TRAÍDA DE AUGAS PARA TODAS AS PARROQUIAS


Consideramos que é necesario un acordo unánime do Pleno para elaborar un Plan Cuadrienal dun custe de 4,5 millóns de euros

O Grupo Municipal do BNG de Antas de Ulla presentou unha moción na que solicitamos a dotación de servizos básicos de saneamento e traída de augas para todas as parroquias do Concello xa que na actualidade a maioría das parroquias de Antas aínda están sen estes servizos básicos que posibilitarían que os cidadáns afectados (preto de 1.500 persoas) non se sentiran discriminados.


O Pleno debería aprobar “a creación dunha comisión, na que estean representados todos os grupos políticos, que se encargará do estudo e elaboración dun Plan Cuadrienal para programar estes investimentos”.


Os grupos municipais temos a obriga de traballar todos xuntos na procura da mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, deixando de lado os intereses partidistas en asuntos tan importantes como son a dotación dos servizos básicos.


Por iso é necesario solicitar da Consellería de Medio Ambiente as partidas orzamentarias necesarias para a dotación destes servizos básicos”.



Unha vez rematadas as obras de saneamento e traída de auga en execución (Dorra-Senande, Cervela,..etc), as demais administracións terán que colaborar tamén técnica e orzamentariamente, pois non podemos seguir eternamente esperando por saneamentos e traídas de augas cando hai plans das distintas administracións aprobados para facelos e normativas europeas que cumprir.


Polo tanto propoñemos un acordo unánime do Pleno que co apoio da veciñanza teña a forza necesaria ante a Administración Autonómica e así lograr estes investimentos.

..

FOTO: Tanque de auga de Verín